Saltar ao contido

A nosa historia

De Onde vimos

Para falar de comunidade de montes, debemos remontarnos a tempos anteriores á Idade Media, onde comeza a aparecer o monte comunal como un elemento imprescindible no desenvolvemento da agricultura. Arredor do século XII, coa aparición das parroquias como novas unidades territoriais e con todo o que estas comprenden (camiños, lugares, casas, viñedos e montes comunais que estaban presididos por unha igrexa e un cemiterio), púxose de manifesto a necesidade da creación de asembleas veciñais  onde non só se establecían as relacións sociais para coa parroquia, senón que permitían á veciñanza defenderse dos abusos señoriais e protexer ao gando e ao monte común de lobos e ladróns.

A finais do século XVII prodúcese unha maior explotación do monte comunal debido, por unha parte ás talas e desbroces continuados, e por outra, debido  á época de fame que estaba a ter lugar. Esta sobreexplotación do monte comunal chega a poñer en perigo a súa sustentabilidade.

Hai dous rexistros históricos de grande importancia para as comunidades de montes; o Catastro de Ensenada e o Libro Real de Legos. Por unha banda, no ano 1753 é creado o Catastro de Ensenada, onde aparecen os rexistros dos montes, así como a súa superficie e a densidade arbórea e as inscricións da veciñanza que plantou o monte. Por outra banda, é no Libro Real de Legos onde se enumeran os carballos e os castiñeiros que cadaquén tiña no monte veciñal e a parroquia á que pertencían.

Porén, o monte foi a expresión da propiedade comunal da parroquia, de tal xeito que a súa defensa chegou a ser prioritaria fronte ás intrusións da veciñanza doutras parroquias, así como dos pechamentos ou prolongacións que efectuaba a propia veciñanza destas parroquias. Mais o monte tamén era refuxio de animais, nomeadamente lobos e raposos, que eran especialmente perigosos para o gando, o que constituía unha razón máis para a súa defensa.

A defensa do monte en man común

A partires de finais do século XIX e comezos do XX comeza a desenvolverse o asociacionismo agrario como parte do movemento obreiro. Debido ao asociacionismo, nace no 1903 a Sociedade de Agricultores de San Xurxo de Sacos, unha das primeiras que se constituíu no Concello de Cotobade.
Nesta época, o ministro de Facenda quixo poñer á venda os montes comunais, o que provocou un impulso e un maior desenvolvemento das Sociedades Agrarias, así como a defensa do monte por parte das mesmas.

Foron os concellos e as Sociedades de Agricultores quenes defenderon o carácter comunal dos montes, declarando que nunca foron arrendados nin vendidos e que sempre funcionaron como bens de aproveitamento e desfrute da veciñanza das parroquias. A defensa do monte comunal, sempre ligada a un laicismo recoñecido, chegou a ser tan combativa e forte que provocou que as autoridades eclesiásticas da época chegaran a prohibir á veciñanza pertencer ás comunidades de montes e mesmo asistir ás asembleas.

En 1936 as Sociedades de Agricultores foron desfeitas e as persoas representantes das mesmas foron ameazadas, perseguidas, levadas á cadea e asasinadas.

Historia recente

No caso da parroquia de San Xurxo de Sacos hai constancia de que, no 1979, a petición da veciñanza, preséntase un escrito na Xunta Provincial de Montes, onde se recolle que os montes da parroquia deben ser declarados de propiedade común da veciñanza. Neste escrito apórtase unha certificación do Libro Real de Legos (onde se citan os montes da parroquia como de común da veciñanza), así como a inscrición de parte do monte no Rexistro da Propiedade, así como a declaración de Utilidade Pública aos Montes de San Xurxo, con data do 1901.

No ano 1992 noméase unha Xunta Xestora da Comunidade de Montes de San Xurxo de Sacos que procedeu a redactar os Estatutos. Estes foron aprobados nunha asemblea celebrada o día 17 de outubro do 1992.

A partir deste momento, a Comunidade comeza unha nova etapa na que figuran feitos tales como a construción dunha nova Casa do Pobo (a partires da compra e rehabilitación da Casa Escola de San Xurxo ao Ministerio de Traballo), a realización dun Plan de Ordenación Forestal, a recuperación –mediante vía xudicial–da Carballeira e da Capela do San Xusto á Igrexa católica, a oposición á construción de pequenas centrais eléctricas no río Lérez ou a redacción dos novos Estatutos da Comunidade no 2014, entre outras cousas.

A pesar das dificultades, a Comunidade de Montes conseguiu seguir avanzando no coidado e desenvolvemento do Monte de San Xurxo, coa participación de todas as persoas comuneiras.

Estatutos

Propósito

Teñen por obxecto regular o uso e desfrute dos montes veciñais dos que son propietarios os comuneiros.

Titularidade

A titularidade dosmontes e o aproveitamento corresponde ós comuneiros

Obxectivo

Xestionar, protexer e defender os terreos, velando pola súa conxervación, limpeza e integridade.

NOTICIAS

PONTE AO DÍA

A Comunidade de Montes de San Xurxo de Sacos realiza periódicamente distintas actividades das que podes informarte na nosa sección de Noticias, todas as novidades relacionadas tamén se poden atopar aquí.

localización

Podes atoparnos aquí:

San Xurxo de Sacos atópase no Concello de Cerdedo Cotobade, provincia de Pontevedra.