Saltar ao contido

A CIVIDÁ

MANUEL REBOREDO, Doutor en Historia

O castro denominado A Cividá, é un poboado prerromano que se asenta nun outeiro que está a 443 m. de altitude. A súa clave de identificación, na catalogación da Xunta de Galicia é GA36012030. No MTN (Mapa Topográfico Nacional) está na folla nº 153 (1:25.000: 153-III). As súas coordenadas xeográficas son as seguintes: Latitude: 42º30´30´´N./ Lonxitude: 8º30´26´´O.

O acceso pode facerse á altura de San Xurxo de Sacos, no lugar de Barbeitos, hai que desviarse á dereita da N-541 (Pontevedra-Ourense) e ir pola PO-232 (San Xurxo de Sacos – Carballedo), a uns 500 m., hai que coller un camiño á esquerda da mesma, xusto onde hai o desvío cara a Casa do Pobo (neste caso está cara a outra man) e logo de percorrer uns 700 m. ascendendo pola aba do monte, por un antigo camiño, chégase ao castro da Cividá.

No que atingue ao emprazamento castrexo, hai que mencionar os seus recintos e defensas. Primeiramente, citamos que hai un foxo, escavado na rocha, que bordea o xacemento polo N. e E. Dende a croa, a parte alta do poboado, ao foxo hai máis de dez metros de desnivel. O foxo ten uns cento cincuenta metros de longo por nove de ancho. Na parte alta ou croa consérvanse restos de muralla, cun derrube, duns dous metros de ancho por metro e medio de alto.

Na parte N. hai un antecastro, ou segundo recinto, con muralla nas partes N.,O. e E., a mesma  ten uns sesenta cm. de alto con derrube e uns dous metros de ancho. Ten unhas óptimas condicións naturais de defensa no O. e S. e menores no N. No E. e NE., ao haber zonas máis elevadas perto, requeriu a construción dun enorme foxo, citado antes, e murallas. No N. e O. está o antecastro chamado “Cemiterio dos Mouros”. A porta de entrada ao castro apréciase que sería pola parte N. do mesmo.

A superficie total supera as dúas hectáreas. O seu recinto central ten planta ovalada. Abondan os penedos graníticos na croa. Destaca na parte meridional a laxe coñecida como “Eira dos Mouros”, cuberta totalmente de petróglifos, con motivos abstractos (cadrados, círculos concéntricos, etc.) que ten uns cincuenta metros cadrados, hoxe en día cun apreciable grao de erosión, xa no seu día incluída por Manuel Murguía na súa Historia de Galicia.

Na maior parte do seu perímetro ten unhas condicións óptimas de defensa, con fortes desniveis no terreo. Ten unha boa intervisibilidade con outros xacementos castrexos como son: Coto de Penalba (Campo Lameiro), Castro da Cerca (Praderrei), Castro de Cerdeiras (Fragas – Campo Lameiro), Castro da Devesiña (Cascaneda – Campo Lameiro), Monte do Castro (San Xurxo de Sacos) e Coto da Cerca – Eira dos Mouros (San Xurxo de Sacos). Ten unha ampla área de visión, que abrangue boa parte do curso medio do val do Lérez.

A Cividá ten alteracións debido ao aproveitamento como canteira dos penedos da croa. O material pétreo é granito de dúas micas de gran medio e fino. Segundo relato de persoas maiores, de aquí sacaron pedra, nos anos setenta do s.XIX para levantar o Muíño da Botica (na parte inferior da aba O. do castro). Este caso sería só un exemplo do aproveitamento dos recursos pétreos.

Na súa totalidade emprázase en monte comunal de San Xurxo de Sacos. Polas súas características pode que no seu día fose un “lugar central” en relación a outros castros do val do Lérez.

Este castro destaca polo seu impresionante sistema defensivo, no que destacan, o gran foxo (150 m. de lonxitude), facilitado en parte polas acentuadas pendentes no O. e S. Ten un bo emprazamento tamén por dispor perto de recursos hídricos. Probablemente, mantivo relación co do Coto da Cerca-Eira dos Mouros que se ubica ao E., a uns 500 m. monte arriba. Por ter mostras de arte rupestre é un xacemento que compriría investigar en profundidade por medio dunha escavación arqueolóxica. O caso de Penalba, escavado entre os anos 1983-1988, ten parello coa Cividá e datouse no s. VIII a.C. A cronoloxía pode que fose tan antiga nos dous poboados. 

No que atingue ao folclore, hai varias lendas ou ditos referentes ao Castro da Cividá e, máis en concreto, á Eira dos Mouros, na que aínda se conservan petróglifos, que describimos a continuación.

·  “ Na época da Guerra da Independencia cos franceses (1809), enterraron un tesouro (alfaias e diñeiro); enriba do enterramento puxéronlle unha corda ao redor do tesouro que era un xeito de encanto. Alí foron persoas en coches de cabalos, despois de oíren do tesouro, tentaron desenterralo ao certar do sitio, pero ao chegar a el desenvolveuse unha serpe tan grande que os asustou e daquela fuxiron con medo e non voltaron máis alá”.

· “Unha vella deste barrio (do lugar da Igrexa), cen anos despois (a primeiros do s. XX) foi buscar as vacas ó monte e pasou polo sitio do encanto (Eira dos Mouros), nese intre veu unha muller cun tendal con moitas alfaias e moedas. Preguntoulle a vella a esta muller, e respostoulle que aquelo arraxábano (poñíano ó sol, saía á luz) cada cen anos co que a lenda cobrou o seu nome”.

· “Tamén ao antecastro chámanlle “Cemiterio dos Mouros”, pensaban que daquela soterraban alí aos finados. Din que na Cividá vivían os mouros”. 

· “ Hai unha lenda que di que os mouros mataban á xente e logo comíana”.

· “ A zona do NE. din que era onde os mouros sementaban os legumes e o trigo e que ao O. estaba o cemiterio”.

· “ Na Cividá existe un tesouro”.

· “ Unha vez pasou pola Cividá unha rapaza de Cuspedriños e perto dunhas ramalleiras ollou unha serpe que lle amosou uns obxectos dicíndolle que collese o que máis lle gustase. A rapaza fitou para un, e non ben fixo intención de collelo, desapareceu todo.

O encanto desfacíase dicindo a rapaza: non me gusta nada disto, soio me gustas ti”.

A continuación citamos algunha bibliografía que fai referencia á Cividá:

  • Catálogo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
  • APARICIO CASADO, B.(1999): Mouras, serpientes, tesoros y otros encantos. Mitología popular gallega. Cadernos do Seminario Sargadelos. Nº 80. Ed. do Castro. Sada. 
  • GARCÍA ALÉN, A.; PEÑA SANTOS, A.de la (1980): Grabados rupestres de la provincia de Pontevedra. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña.
  • MARTÍNEZ MURGUÍA, M.(1866): Historia de Galicia.
  • PEÑA SANTOS, A. de la; VÁZQUEZ VARELA, J.M. (1979):  Los petroglifos gallegos. Grabados rupestres prehistóricos al aire libre en Galicia. Cuadernos do Seminario de Estudios Cerámicos de Sargadelos. Nº 30. Ed. do Castro, Sada-A Coruña.
  • SOBRINO BUHIGAS, R. (1919): “Insculturas galaicas prerromanas”. Ultreya (núms.5-6).Santiago de Compostela.

page4image25054672

Etiquetas: