Saltar ao contido

PONTE NOVA

MANUEL REBOREDO

PONTE NOVA

         A Ponte Nova é a denominación correcta da ponte que une a parte máis meridional da parroquia de San Xurxo de Sacos coa máis setentrional, onde se sitúa o lugar de Fentáns, pertencente tamén á devandita parroquia, sobre o río Lérez. Esta senlleira construción da arquitectura civil en Cotobade ten unha calzada cunha lonxitude de 40 m., na entrada á mesma ten un ancho de 9 m. (nos dous lados), na parte central estréitase ata un ancho total de 2,80 m. e a calzada en si ten 2,30 m. (de peitoril a peitoril). Pero o máis destacado das súas dimensións é o único arco da mesma, que é de medio punto e que ten 19,20 m., ten un perfil acodado, sendo unha das de máis luz de toda Galicia, concretamente a cuarta, das pontes de pedra dun só arco. Só a superan en dimensións do seu van, entre outras a de Navia de Suarna.

         Había quen por erro lle atribuía unha orixe romana ou medieval, pero non é así. Construíuse no século XVIII, entre os anos 1721-1730, e os promotores desta ponte foron os irmáns Lis Soto, José Benito, párroco de San Xurxo de Sacos e Pedro Antonio, párroco da parroquia veciña de Santa María de Sacos. A obra ergueuna Pedro García, mestre canteiro veciño de Santa María de Sacos. Nunha das lousas de granito que fan de clave do arco na súa parte central, pódense ver as iniciais P.G., iniciais do devandito canteiro que dirixíu e levou a bo termo esta espectacular ponte, a xeito de sinatura.

         Para acceder a ela polo S. hai o camiño que vai paralelo ao río Lérez que pasa por Faróns e cruza pola Devesa, dende onde se pode apreciar a coñecida por “Poza Negra”, chamada así pola súa profundidade e polo fondo escuro do cauce fluvial. Con este conflúe outro camiño de terra que limita pola parte inferior o Prado de Baixo e une co anterior a 130 m. da Ponte Nova e nos últimos metros, cando descende ata a ponte está empedrado. Dende a intersección destes dous camiños baixa, en dirección ao río, a calzada cara onde estaba a antiga ponte, existente antes da actual, que parece ser que levaría por diante unha enchente do río. Hai referencias a que sería a fins do s.XVII, ao redor do ano 1694. Esta sería de dous arcos, consérvase no lado de Fentáns o arranque da mesma, duns 3 m. de altura e aprécianse nunha laxe no medio do río rebaixes cuadrangulares onde se apoiarían os alicerces da mesma. Cara a outra marxe pódese ver a rocha onde se apoiaría, pero non quedan restos desta ponte anterior. Cara ao lado N. ascende, en pronunciada pendente un camiño enlousado, que logo bifurca cara a Fentáns e cara a capela dos Remedios de Lixó. A carón deste camiño, a uns poucos metros da ponte, a man dereita hai un penedo que ten gravada unha cruz. Aquí segundo a tradición oral ”morreu unha persoa golpeada por unha pedra que se desprendeu un día de mal tempo”, pero non se sabe con certeza cando puido ser. 

         Para rematar comentar que  pola parte S. tamén nos podemos achegar á Ponte Nova por unha estreita corredoira empedrada que descende dende A Candeira cun pronunciado desnivel á que se pode acceder dende Cotón ou baixando polo camiño que descende dende o lugar do Outeiro por Casal de Pedros e o Agriliño. Estes antigos camiños e corredoiras son un patrimonio etnográfico que é unha riqueza a conservar pola súa beleza e singularidade e xunto coa Ponte Nova son un reclamo para visitar este entorno.

*Citamos dúas referencias bibliográficas onde se menciona a Ponte Nova:

– PORTELA PAZ, Agostiño ; RODRÍGUEZ FRÁIZ, Antonio: As pontes do Lérez. Xunta de Galicia. Consellería da Presidencia. 1987

– FORTES, Xosé; FORTES, Germán; FONTENLA, Serafín: Terra de Cotobade. Ed. Guiverny.2015.